[0:00]A estas alturas do conto supoño que xa saberás que no Día das Letras Galegas 2026 celebramos a Begoña Caamaño. E se non o sabías pois... agora xa o sabes. E ti dirás, "pero que fai Alba contándome isto na canle da Real Academia Galega?". Pois mira, veño facerlle a competencia á túa profe de galego... pero con agarimo, eh. Ao longo destes meses imos pasar por aquí eu e outras moitas creadoras e creadores de contido para que saibas máis de Begoña Caamaño... e tamén todo o que hai detrás das Letras Galegas. Pero imos ao que importa: quen era Begoña Caamaño e por que merece tal mención? Xornalista e escritora, nada en Vigo o 14 de outubro de 1964, exerceu en distintos medios e colaborou nunha marea de revistas e publicacións, sempre cunha mirada activista e feminista. Nos seus máis de 25 anos na radio, fixo oficio e fixo país: información, cultura e defensa do público. Ela mesma falaba da necesidade de termos unha radio para un país: con rigor e unha lingua viva. Mais iso non é todo. E aquí vén o mellor: escribiu dúas novelas que lles dan a volta aos grandes relatos clásicos. A primeira é Circe ou o pracer do azul, unha relectura da Odisea pero desde a mirada das mulleres. E si, Circe e Penélope teñen unha relación epistolar. Por carta, si, por carta. É o que ten non ter WhatsApp! E nesa correspondencia van tecendo a amizade, a aprendizaxe e unha alianza que non vai de "quen queda co heroe", senón de facerse libres e elas tamén navegar. A segunda, Morgana en Esmelle: é unha ollada contemporánea ao poder e á ética a partir do mundo artúrico. O rei Artur, os cabaleiros da Táboa Redonda, Excalibur, o Santo Graal... dáste conta? E por baixo dese decorado mítico, a pregunta é ben vixente: quen move os fíos, quen manipula? e quen paga o prezo? Camelot nunca caeu por culpa de Morgana. Dúas historias para pensar quen manda, quen cala e quen paga as consecuencias. E todo isto arrinca cunha pregunta ben concreta: "e se o que conta Homero non foi verdade?". Non, non: ese Homero non. Este. O da Odisea. Sóache? O de Ulises? O que tiña a Penélope tecendo mentres agardaba por el. Non sabes de quen falamos? Pois con máis razón debes ficar. Se todo isto che soou a chinés e pérdeste máis que buscando o J no abecedario galego, tranquilidade, que para iso estamos. Vimos poñercho doado: pezas curtas, conversa e moito que pensar. Preme na ligazón da Real Academia Galega e sigue navegando con nós.

É o tempo de Begoña Caamaño. Presentación | Letras Galegas 2026
RealAcademiaGalega
2m 24s436 words~3 min read
Auto-Generated
Watch on YouTube
Share
MORE TRANSCRIPTS


